martes, 4 de novembro de 2014

Fonética e fonoloxía


Os sons da lingua
Índice de contidos:
1. Lingua oral e lingua escrita
2. A produción dos sons
3. A articulación da linguaxe
4. Fonema e son
5. Grafía, grafema e letra. O alfabeto
6. Clasificación dos fonemas
6.1. Sons vocálicos e sons consonánticos
6.1.1. Sistema vocálico
6.1.2. Semivogais. Os ditongos e os tritongos
6.1.3. Sistema consonántico
6.2. Particularidades fonéticas. A gheada e o seseo
7. A sílaba
8. Os trazos suprasegmentais
8.1. A acentuación
8.2. A entoación

Sección 4: Fonética e fonoloxía. Os sons da lingua


Lingua oral e lingua escrita: as linguas, por propia natureza, son orais. Isto quere dicir que nos comunicamos fundamentalmente a través dos sons que producimos. Na produción dos sons intervén a voz, elemento material (audible) que lle permite ao ser humano construír mensaxes e referirse aos obxectos ou elementos que o rodean (extralingüísticos). O ser humano ideou a modalidade de comunicación escrita. A través dos signos gráficos visuais, denominados grafías ou grafemas, tratan de representarse os sons da lingua.

A produción dos sons: a voz humana prodúcese pola vibración das cordas vocais polo aire que sae a través da farinxe e mais da boca (para os son orais) ou das fosas nasais (para os sons nasais).

A articulación da linguaxe: a linguaxe posúe unha dobre articulación, unidades dotadas de significado e significante (os signos lingüísticos)ıprimeira articulación da linguaxe, unidades que só posúen significante (por exemplo, os sons, ou tamén as letras que os representan)ısegunda articulación da linguaxe.

Fonema e son: Os fonemas son distintivos porque permiten distinguir significados e, polo tanto, diferenciar palabras. Así pois, serán fonemas aqueles sons que, intercambiados nun determinado contexto, dean como resultado palabras con significación distinta. O procedemento a través do cal podemos detectar fonemas nunha lingua coñécese como conmutación.

Grafía, grafema e letra. O alfabeto: As grafías, grafemas ou letras son as representacións por escrito dos fonemas. Ao conxunto de letras que se utilizan convencionalmente nunha lingua denomínaselle alfabeto. Os fonemas que existen en galego son relativamente poucos, 26 (7 vocálicos e 19 consonánticos).

Clasificación dos fonemas:
Sons vocálicos e sons consonánticos:

Sistema vocálico: Para clasificar os sons vocálicos, pódense ter en conta diversos factores (intensidade, timbre, cantidade, resonancia, etc.). Se durante a articulación dunha vogal avanzan os labios, pronúncianse vogais labializadas ([o], [u]); se se deixa saír o aire polo conduto nasal, falamos de vogais nasais (como é o caso do [o] en non). Para o seu estudo, nós atenderemos só aqueles trazos que se consideran realmente distintivos desde o punto de vista fonolóxico: a posición da lingua e o grao de abertura.

Semivogais. Os ditongos e os tritongos: as vogais poden presentarse na cadea falada de xeitos diferentes: ou ben acompañando unha consoante (es/se), ou ben acompañando outra vogal (cadea, feixe). Fórmase o ditongo cando se combina nunha mesma sílaba unha vogal forte (de abertura máxima ou media; a, e, o) e unha vogal feble (de abertura mínima: i, u), ou dúas vogais febles (i, u). Segundo sexa a combinación vocálica do ditongo, podemos falar de ditongos crecentes, decrecentes e
homoxéneos.


Sistema consonántico: os sons consonánticos son aqueles que presentan durante a súa pronuncia algún obstáculo á saída do aire, en contraste coas vogais. Para clasificar os sons consonánticos, séguese o mesmo criterio de clasificación utilizado nas vogais (modo e punto de articulación) pero, ademais, tamén se teñen en conta outros factores como a acción das cordas vocálicas (que os distingue en sonoros e xordos) e o grao de intervención do veo do padal (que produce nasalización ou non).
Particularidades fonéticas. A gheada e o seseo: no territorio máis occidental de Galicia existe un sistema consonántico que se caracteriza polo feito de carecer de realización fricativa interdental xorda [T], fenómeno que se coñece como seseo. Dous tipos: - implosivo (final da sílaba): lus, des, rapás, - explosivo (comezo de sílaba): sapato, sebola, Vilagarsía. A gheada é un trazo fonético innovador e autenticamente galego. Seméllase moito á aspiración do h que se dá no inglés en palabras como house, have, e non ao fricativo velar xordo do j castelán de caja ou jazmín.

A sílaba: os fonemas dunha lingua combínanse entre si de maneira organizada e forman sílabas: ca-/sa, au-/ga, te-/lé-/fo-/no. Á súa vez, estas forman os grupos fónicos. A sílaba é a unidade fónica básica, tradicionalmente definida como cada golpe de voz en que se pode articular unha palabra.

Os trazos suprasegmentais:


A acentuación: a acentuación é o procedemento polo que se destaca unha sílaba sobre as restantes que forman esa palabra: chícharo, misto, cantar. Para iso, facemos recaer maior intensidade sobre unha das sílabas da palabra; esta sílaba que resulta máis perceptible cás demais denomínase tónica mentres que as restantes son sílabas átonas. Para marcar a acentuación na escrita, utilízase o acento gráfico. De acordo coas normas do galego, unhas regras de acentuación deben permitir recoñecer a sílaba tónica en todos os casos, ser facilmente memorizables e esixir un uso mínimo de acentos gráficos. No galego só se usa un tipo de acento gráfico: o agudo (´).

 A entoación: é a variación de ton con que se pronuncian os diferentes sons dunha cadea ou secuencia. Abarca a totalidade do enunciado e empregámolo, entre outras funcións, (A) para delimitar os enunciados e os grupos fónicos que os compoñen e (B) para diferenciar as modalidades dos enunciados (enunciación, exhortación, interrogación e exclamación) ou expresar determinados estados psíquicos (sorpresa, tristura, etc.).